Segundo a análise da ONG, Nintendo ten unha política menos respectuosa co ambiente, aínda que a súa consola aforra máis enerxía.
Os personaxes máis coñecidos das tres consolas, no vídeo promocional da campaña de Greenpeace
Dentro da campaña de Greenpeace para promover políticas respectuosas co ambiente entre as empresas tecnolóxicas, xorde Clash of the Consoles (choque de consolas). A ONG afirma que este tipo de aparellos destinados ao entretemento supoñen un dos mercados de maior crecemento a electrónica de consumo, con máis de 60 millóns de unidades vendidas e un 14% de aumento o ano pasado. As consolas conteñen produtos químicos tóxicos e poden contribuír ao aumento do lixo electrónico, que en moitos casos non se recicla axeitadamente, provocando problemas de contaminación e de saúde.
Greenpeace fixo unha comparación entre a X-Box de Microsoft, a Wii de Nintendo e a PS3 de Sony tendo en conta factores como as iniciativas dos fabricantes para aproveitar os residuos perigosos, ou o uso de materiais alternativos menos contaminantes. Infelizmente, salienta a ONG, aínda que no mundo dos computadores se está a avanzar na fabricación de aparellos máis limpos, isto aínda non acontece coas consolas.
Das tres consolas analizadas, a que sae peor parada é a Wii. O informe di do seu fabricante, Nintendo, que carece dun plan de eliminación de residuos tóxicos nin de reciclaxe. Porén, destaca como positivo que a Wii é a máis eficiente enerxeticamente das tres analizadas. A de Microsoft consome máis, pero a empresa ten unha política de eliminación de produtos tóxicos até 2011. Pola súa banda, a PS3 é a que 'chucha' máis enerxía, aínda que Sony destaca por ter un bo programa de reciclaxe de materiais.