O goberno galo estuda este luns a proposta conxunta dos ministros galos de Saúde e do Ambiente, que podería entrar en vigor no verán.
O consumo de alcol é unha das principais causas de accidentes de tráfico
Tras unha fin de semana con 17 mortos nas estradas, os ministros do Ambiente e de Saúde, Jean-Louis Borloo e Roselyne Bachelo, respectivamente, presentarán este luns ante o Executivo que preside Nicolás Sarkozy unha proposta para impoñer controis de alcolemia a todos os clientes dos pubs, bares e cafés que permanecen abertos até as 2.00 horas.
A medida, que podería entrar en vigor este verán, foi anunciada este domingo por Borloo no canal de televisión France 2: "Mañá, no Consello de Ministros, presentaremos un decreto para facer tests electrónicos de alcolemia obrigatorios nos estabelecementos de bebidas abertos até as 2.00 horas, para que todo o mundo poida comprobar o seu nivel, o seu estado antes de marchar".
"Agardo que para este verán será obrigatorio en todos os lugares", engadiu o ministro do Ambiente. A maioría dos accidentes acontecidos no Estado francés esta fin de semana de vacacións (o país celebra o Pentecostés) estiveron relacionados co consumo de alcol por parte dos condutores dos vehículos implicados.