Xunto con Iván Raña, o ferrolán quere volver gañar Campionato Europeo, a proba continental que se disputa na capital lusa este sábado.
Despois de arrasar na casa, ante a súa xente, Javier Gómez Noya corre, nada e dálle á bicicleta este sábado en Lisboa, no Campionato de Europa de Triatlón.
O galego quere repetir título, e ten abondas posibilidades. Dicíao nunha conferencia de prensa ofrecida xunto cos triatletas portugueses Bruno Pais e Vanessa Fernandes, e a sueca Lisa Nordén: "fixen unha das miñas mellores carreiras do ano en Lisboa, e gustaba de repetir, aínda que o meu obxectivo principal seguen a ser os Xogos Olímpicos de Beixín".
O actual campión de Europa e gañador da BG Copa do Mundo tamén dixo que a do sábado "vai ser unha proba difícil. Vou ter rivais complicados, sobre todo o francés Frédéric Belaubre, o checo Filip Ospaly, Iván Raña e algúns alemáns".
Mais o ferrolán parte como principal e indiscutíbel favorito, e a súa traxectoria é quen de testemuñalo: leva 8 meses sen coñecer a derrota, con 18 podios consecutivos en competicións internacionais (a mellor marca absoluta na historia deste deporte).
Os outros galegos
Tamén van estar en Lisboa Pilar Hidalgo e Iván Raña. Hidalgo tenta conseguir praza en Beixín 2008 (os campións da categoría Elite conseguen o pasaporte olímpico directamente), aínda que coa inquebrantábel Vanessa Fernandes como principal rival. Raña, que xa ten praza no equipo estatal que vai ir aos XXOO, procura o podio.
Os portugueses favoritos
Bruno Pais e vanesa Fernandes corren na casa, e tamén teñen bastantes probabilidades de chegar ao podio.
Para Fernandes, actual campioa de Europa e do Mundo (ademais, a primeira muller en conquistar a Tripla Coroa nun mesmo ano: Mundial, Europeo e Copa do Mundo) gañar a proba significaría conseguir o seu quinto título continental consecutivo.
Pais, polo seu lado, pensa que "pode ser difícil", mais tamén vai tentar esta, polo menos, entre "os cinco primeiros": "creo que a proba vaise decidir na carreira a pé", salientou o portugués.