Arredor de 200 equipos de normalización lingüística "dimitirán" se a consellaría non deseña unha estratexia clara para a introdución do decreto de galeguización.
A CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio Pedagóxica Galega achegáronse esta quinta feira até a consellaría de Educación para facer entrega de 190 sinaturas de responsábeis de equipos de normalización lingüística en escolas de todo o país. O documento inclúe tamén unha lista re reivindicacións e propostas, todas elas encamiñadas á aplicación real nos centros do decreto sobre a promoción do idioma no ensino.
De non atendérense as peticións, os equipos de normalización que asinan a iniciativa están dispostos a presentar a súa dimisión. Láianse ao respecto da situación actual de que a indiferenza coa aplicación do decreto frea a propia actividade dos equipos de normalización lingüística.
Entre outros, suxiren que se elabore un plan de formación para o profesorado, piden que se cree un departamento de política lingüística no organigrama da propia consellaría de Educación e solicitan novos materiais didácticos, ademais de subliñar que a inspección se implique con claridade na vixilancia da correcta aplicación do decreto de galeguización.