Fernández Antonio prevé reunirse cos voceiros de Economía de PP, PSOE e BNG para fixar "unha posición conxunta" para a definición do modelo de financiamento.
O titular de Economía rexeita ao respecto do financiamento que se estabeleza unha relación bilateral, tal e como propón o BNG, e di apostar por un marco "multilateral". "O obxectivo é que Galiza consiga máis recursos e máis autonomía financeira na revisión", sinala o conselleiro, avanzando que a estratexia inclúe a creación dunha Axencia Tributaria Galega "para ter máis capacidade para desenvolver unha política apropia adaptada ás necesidade de Galiza".
Xosé Ramón Fernández Antonio expuxo este mércores que a súa proposta é que o novo sistema teña "unha suficiencia dinámica" para que se adapte "á evolución das necesidades de gasto", cunha "revisión quinquenal". Igualmente reiterou que Galiza "demanda que se duplique o Fondo de Compensación Interterritorial" para recibir o 8% do investimento territorializado.
"A igualdade de esforzo fiscal debe existir un nivel de calidade homoxénea nos servizos prestados", explicou, precisando que este posicionamento "chocará" coa formulación dalgúns gobernos autonómicos que "defenderán que a igualdade de esforzo fiscal, o mesmo financiamento por habitante". Na súa opinión, Galiza debe defender esa posición argumentando "factores diferenciais de custo" como son o maior envellecemento e dispersión poboacional, e a complicada orografía e quilómetros de costa, "para probar que é máis gravoso prestar os servizos".
Até o 90% da recadación en tributos
Por este motivo, a consellaría de Economía e Facenda formulará ao goberno español que o 90% da recadación en Galiza en concepto de IRPF, IVE e impostos especiais quede aquí como resultado da cesión por parte do Estado dunha maior porcentaxe destes tributos máis a suma dos recursos adicionais necesarios procedentes do fondo de suficiencia.
Fernández Antonio, aclarou que esta cantidade non tería que vir por unha cesión que chegase até o 90% destes impostos, senón pola operación de engadir ao cedido a Galiza por estes tributos os ingresos precisos do fondo de suficiencia "para completar o financiamento de todos os servizos prestados".