Un tribunal militar decretou que non hai ningún impedimento legal para proceder contra un mozo canadense retido en Guantánamo dende 2002.
Un recluso da prisión militar estadounidense de Guantánamo, Omar Khadr, vai ser o primeiro neno soldado xulgado por crimes de guerra dende que se levaron a cabo os xuízos de Nuremberg, tras a II Guerra Mundial.
Khadr, cidadán do Canadá, foi encarcerado con 15 anos de idade en 2002. Agora, un tribunal militar decretou que non hai ningún impedimento legal para proceder contra el.
Os seus avogados argumentan que dado que os crimes que se lle imputan presuntamente sucederon cando era menor, este debería de ser tratado como unha vítima e non como un criminal de guerra. Ademais, no tempo que permaneceu recluído -máis da cuarta parte da súa vida- non tivo acceso á educación.
O goberno de Canadá evita intervir no caso
Non pensa o mesmo, o xuíz militar Peter Brownback, que considera que as leis internacionais sobre o tratamento de nenos soldado son "relevantes no que á política se refire", mais non impiden que a comisión militar de Guantánamo desenvolva o seu traballo.
A defensa de Khadr ten posta a esperanza en que poida recibir un xuízo xusto no Canadá, mais o goberno deste país rexeitou intervir no caso a pesar das presións de grupos internacionais de dereitos humanos.