O ciclista do KGZ comeza a dar probas das súa forza e das súas posibilidades na etapa raíña da rolda asturiana.
O ciclista do Karpin Galicia Gonzalo Rabuñal conseguiu a terceira posición na etapa raíña da Volta a Asturias, dando a primeira mostra seria das súas posibilidades como ciclista no campo profesional.
O equipo galego tamén tivo unha destacada actuación no plano colectivo, conseguindo o segundo posto na etapa, por detrás do LA Aluminios-MSS, gran dominador da carreira.
No inicio da etapa fraguouse unha fuxida de dezasete corredores, que aínda tiñan por diante 180 quilómetros e tres portos do montaña (un de primeira e os dous últimos de categoría especial). Entre os valentes, dous corredores do Karpin Galicia: Gonzalo Rabuñal e Vladimir Isaichev. A fuga chegou a contar cunha vantaxe de nove minutos.Tras o paso pola cima do segundo porto (alto de Connio), o grupo de cabeza quedou reducido a só sete corredores, con Rabuñal entre eles. No terreo previo á ascensión ao Acebo a coordinación no grupo de cabeza comezou a romper e Tomas Marczynski (Flaminia) decidiu facer a guerra pola súa conta. O campión polaco de fondo do 2007 marchou en solitario e conseguiu gañar a etapa.
O resto de perseguidores estableceu tamén unha loita particular, con David de la Fuente (Saunier Duval) e Gonzalo Rabuñal como corredores máis activos, que acabarían segundo e terceiro, respectivamente, na esixente cima do porto asturiano. O ciclista galego deste xeito ascendeu até o sexto posto na xeneral.
O resto do KGZ
O resto de corredores do KGZ seguen loitando en Asturias. De feito, Ezequiel Mosquera foi décimo sexto neste etapa, o que lle outorgou o décimo cuarto posto na xeral; mentres que David García é agora décimo sexto. Por equipos o Karpin Galicia está terceiro na xeral entre dezasete equipos.
Vida e obra de Rabuñal
O corredor de Arteixo comezou a tempada cun accidente de tráfico que lle impediu participar na concentración do equipo e abordar as primeiras carreiras do calendario no estado de forma que se prevía. Mais a partir daquela, segundo contan dende o KGZ, comezou a "mesturar as ganas cas présas e iso permitiulle ofrecer algún escintileo inconexo, pero non a súa verdadeira medida", cousa que aínda está por calibrar, pero que promete, lembrando a súa traxectoria nas categorías inferiores.
Hai que ter en conta que Rabuñal foi un dos cinco corredores dos dezasete que comezaran a escapada que aguantou a suba ao Acebo.
A quinta e última etapa dispútase entre Cangas del Narcea e Oviedo sobre 184 quilómetros.