No acto reivindicativo estiveron o Vicevaledor do Pobo e a xornalista Isabel Quintairos, despedida pola súa ideoloxía e a súa orientación sexual.
Alumnos de Ciencias da Comunicación da USC pediron este luns respecto á liberdade de expresión en todos os eidos da vida, nun acto de conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Expresión, que tivo lugar o sábado 3 de maio. Dous estudantes expresaron o seu respecto pola liberdade, acompañados do Vicevaledor primeiro, Xosé Xulio Fernández, e da xornalista Isabel Quintairos, despedida dunha emisora de radio pola súa condición sexual e política.
Os representantes do alumnado cualificaron a liberdade como algo propio das persoas e que todo o mundo debe reclamar, e chamaron a loitar contra a censura. Ademais, lembraron que este ano o Día da Liberdade de Expresión estivo relacionado coa China, país do que criticaron que estea a levar a cabo accións de censura, expulsión, tortura e encarceramento de xornalistas.
Pola súa banda, Isabel Quinteiros, cualificou de "inxustiza" a súa expulsión da COPE e incidiu na necesidade de crear asociacións para reivindicar os dereitos dos xornalistas, ao non existir aínda nin Lei de Prensa nin Estatuto dos xornalistas no Estado Español. Mentres, o vicevaledor primeiro do Valedor do Pobo destacou que a liberdade de expresión é un dereito "esencial" na Democracia e que hai que "loitar" para garantilo.
O acto pechouno o decano da facultade, Miguel Túñez, que indicou que o ano pasado 875 xornalistas foron arrestados en todo o mundo, dos que 127 foron encarcerados e 97 asasinados.