A coincidencia do impacto do téxtil chinés coa decisión do Comité Olímpico Español causa malestar no empresariado galego.
A competencia asiática no téxtil, principalmente de China, foi habitualmente un dos factores que se considerou que lle afectaban negativamente ao sector en Galiza e no conxunto do Estado. Máis dunha empresa fuxiu cara a aquelas xeografías na procura de man de obra barata, e moitas outras non foron quen de resistir a presión no seu ámbito de mercado da produción chegada de terras chinesas.
Nese contexto se entende o enfado agora do sector en Galiza ao asistir esta semana á presentación dos que serán os uniformes oficiais dos atletas estatais, tamén da media ducia de galegos xa clasificados para Beixín, e coñecer que foron fabricados por unha empresa chinesa.
Por este motivo, a Asociación de Empresas de Punto e Confección das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra (AIPC), expresou este venres a súa "sorpresa" e "malestar" ante a decisión do Comité Olímpico Español de encargarlle ese deseño e a elaboración dos uniformes do equipo olímpico á emoresa chinesa Li-Ning.
A asociación, que agrupa un cento de empresas de tres provincias galegas, recoñece que, como organismo independente, o COE pode realizar os encargos a calquera empresa que opere no ámbito internacional da moda. Se ben, considera que o feito de que non se elixira unha empresa estatal responde a "unha grande falta de sensibilidade" cara ao sector téxtil, sobre todo tendo en conta a importancia deste acontecemento deportivo. Así, a AIPC únese á posición crítica tamén manifestada polo Consello Intertéxtil Español.