Boris Johnson sae vencedor na capital co 45% dos apoios, case 140 mil votos máis que o actual alcalde, Ken Livingstone.
A Boris Johnson vaille tocar o liderado da alcaldía londinense nun treito clave, onde a cidade se deberá preparar para a organización dos Xogos Olímpicos de 2012. Cando hai poucos meses se coñecía que sería o candidato do Partido Conservador, poucos prognósticos eran favorábeis para quen construíu a súa imaxe pública grazas a irreverentes actuacións cheas de excesos verbais en tertulias televisivas.
Agora, con 1.168.738 votos, por riba dos 1.028.966 conseguidos por Livingstone, convértese no exemplo da viraxe política amosada polos cidadáns nos comicios municipais deste xoves. Un cambio de tendencia que lle dá unha ampla vitoria aos conservadores, co 44% dos votos, e que chimpa o Partido Laborista á terceira posición coas súas peores cifras en catro décadas. Neste escenario, e de non cambiaren moito as cousas, todo apunta a que David Cameron, o actual líder dos tories, ten o contexto máis favorábel para ser o próximo primeiro ministro, despois das eleccións que terán que celebrarse como moi tarde en 2010.