A Promotora Orxeira relata nun blog a evolución da investigación que fai en técnicas de cultivo, recollida e conservación do cereal con variedades autóctonas.
Arsenio Landa
Un proxecto desenvolvido pola promotora Orxeira está a investigar técnicas de procesado e conservación do millo do país co apoio da Misión Biolóxica de Galicia. O estudo conta cunha axuda de 40.000 euros da Consellaría de Innovación e Industria a través do programa de Tecnoloxía da Alimentación do plan Incite.
O proxecto consiste no cultivo de millo ecolóxico co que se estudarán novas técnicas de envasado e liñas de negocio cara a pequenas empresas e consumidores. É a continuación dunha investigación anterior que tamén fora apoiada polo Goberno para estudar as variedades autóctonas do cereal, que culminou coa selección de catro tipos de millo para comezar unha liña de produción. Os cultivos estanse a desenvolver en Sarreaus, Tui, Rebordáns e Meiro.
Estase a traballar no estudo das rutinas de cultivo e recolleita, e tamén nos métodos de conservación: do xeito tradicional, en cámaras frigoríficas ou envasado ao baleiro despois dun proceso de conxelación. A Misión Biolóxica encárgase de deseñar os experimentos, analizar os datos e proporcionar a semente, mentres que a empresa cultiva, recolle e procesa as mostras. As dúas entidades traballarán na interpretación dos resultados.
Os responsábeis do proxecto salientan que o millo ten un papel importante na gastronomía galega, con produtos que se poden comercializar con criterios de calidade e rendibilidade. Ademais, o cultivo deste cereal de xeito ecolóxico pode servir de alternativa ao abandono das explotacións tradicionais. Por último, é un alimento que carece de glutenina, polo que é apto para as persoas celíacas.
As experiencias e os resultados da promotora Orxeira estanse a difundir a través do blog Elmaiz.org, mantido por Arsenio Landa. Recomendámoslles a receita da "Bica mantecada de millo".