Unha persoa colocara o aparello na súa vivenda de verán para que a mocidade non se xuntase diante.
Un tribunal da localidade bretoa de Saint-Brieuc declarou ilegal o repelente sonoro contra adolescentes que se instalou nunha residencia de verán en Pléneuf Val-André. É a primeira sentenza xudicial en Francia contra o aparello, coñecido como Beethoven, que instalara o dono da casa para evitar o vandalismo e as concentracións de mozos diante da vivenda.
Os ultrasóns emitidos polo dispositivo só son ouvidos pola xente nova, pois a agudeza auditiva vaise perdendo coa idade. Porén, o xuíz que se pronunciou sobre o caso considera que o aparello supón unha agresión, por provocar, se non danos corporais, si molestias. Na sentenza, considérase que o 'espanta-adolescentes' non se pode empregar como resposta aos problemas causados pola "animación excesiva" nunha rúa do centro.
O maxistrado ordenou ao dono da casa o pagamento de 2.000 euros de indemnización e a prohibición de volver instalar o Beethoven so pena de mil euros diarios. A denuncia fora presentada pola asociación de comerciantes da vila. O seu avogado amosouse satisfeito pola sentenza e polo feito de que así se evitarán as molestias que causa o aparello tanto na mocidade como nos adultos.