O presidente de Bolivia aproveitou o Día do Traballador para facer públicos os acordos coas empresas.
Segundo explicou o presidente boliviano, prodúcese a nacionalización de até cinco empresas. Por unha parte, o goberno chegou a un acordo con Repsol YPF para mercarlle a participación maioritaria en Andina, empresa produtora de gas. Por outro lado, a gasista Chaco, propiedade de British Petroleum; Transredes, da estadounidense Ashmore Energy International, e a empresa de distribución CLBH, tamén pasan a propiedade estatal.
De xeito paralelo, o goberno pasará a controlar tamén a maior empresa de telecomunicacións do país, Entel, até o de agora propiedade de Telecom Italia. A nacionalización ten lugar neste caso despois dun tirapuxa con Telecom e sen teren chegado aínda a un acordo final nas negociacións que mantiñan goberno e empresa. Así, ao tempo que facía o anuncio, o executivo enviou varios grupos de militares a custodiar as sedes da empresa nas principais cidades bolivianas.
"Os servizos básicos, chámense enerxía, auga ou telecomunicacións, non poden ser negocio privado, son un servizo público", declarou Evo Morales durante o 1 de maio.