Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Vertidos, encoros, minicentrais...

É que ninguén respecta os nosos ríos?

Os recentes vertidos de chapapote no Ulla e de gasóleo en Ourense poñen de manifesto a nula consideración que para algunhas empresas e administracións merecen os nosos ríos. Malia a terse aprobado en 2006 e por unanimidade a Lei para a Defensa dos Ríos Galegos, seguimos asistindo a reiterados episodios de contaminación, mesmo por parte de empresas públicas. Por outra banda, o estado segue a tramitar macroproxectos de encoros (gran Suarna e canóns so Sil), e a Xunta prevé dar a autorización definitiva a minicentrais tramitadas irregularmente durante a era Fraga. Se non respectamos os ríos non nos respectamos a nós mesmos/as!

ADEGA - 17:02 29/04/2008

A dous anos da aprobación por unanimidade no Parlamento Galego da Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos Galegos, hoxe Lei 5/2006 de Defensa dos Ríos Galegos, o balanzo da súa aplicación é bastante pobre. Malia a recoller medidas específicas de control e millora da calidade das augas, seguimos constatando autorizacións para o desenvolvemento de actividades industriais de risco á beira dos cursos fluviais. Casos como o recente vertido de fuel no Ulla pola rotura dunha tubería da fatoría de Picusa, ou o máis grave do vertido de 50.000 toneladas de gasoil ao Miño por parte de ADIF, amosan a pouca consideración que para as administracións seguen a ter os nosos ríos.

No primeiro caso, os vertidos se substancias contaminantes debido a accidentes ou "incidentes" en empresas situadas á beira das canles son frecuentes e reiterados, chegando a poñer en risco a viabiliade ecolóxica e o subministro público de moitas bacías (lembremos a catástrofe no Umia polo accidente da BRENNTAG). E aínda así, séguense a autorizar actividades potencialmente contaminantes ao carón de espazos protexidos ou zonas sensíbeis, alén dunha manchea de polígonos industriais dos que falta o ptrimeiro que conte con depuradora propia. Deste xeito, no millor dos casos os vertidos e escapes van parar ao sistema de sunmidoiros, interferindo no funcionamento e mesmo sendo frecuente causa de avaría das depuradoras públicas. No pior... van directamente polo río abaixo.

O caso do vertido de ADIF ao Miño en Ourense é se cadra máis grave: a admimistración xa contaba dende o 2006 con informes que apontaban a estas instalacións como a principal causa da contaminación por hidrocarburos no río ao seu paso por Ourense. Estes vertidos discontinuos e escapes difusos xa eran pois coñecidos por ADIF, a CHN e Augas de Galiza. Como é posíbel que non se fixera nada ao respeito?

Polo que respeita a outro dos aspeitos chave da Lei 5/2006 de Defensa dos Ríos Galegos, os aproveitamentos hidroeléctricos, a cousa tampouco parece ter mudado moito. Novos e vellos proxectos de infraestruturas hidráulicas (macroencoro do Navia, proxectos faraónicos no canón do Sil) seguen chegando aos despachos das adnministracións, que tramitan como utilidade pública infraestruturas que só buscan o beneficio privado, a costa do noso patrimonio fluvial e por veces, subvencionado con cartos públicos. Tal é o caso dos proxectos de centrais de retorno no Sil, que bombean auga de noite con electricidade das nucleares para turbinala polo día, beneficiándose da subvención pola xeración de "kilovatios limpos". Encol das "minicentrais", e malia a terse paralizado a tramitación dun bo número de proxectos, hai preto de 40 aproveitamentos outorgados que aínda non están en explotación, algúns deles co prazo de execución xa vencido que non foron afectados polo decreto de suspensión e que en calquera momento poden meter unha pá no río para xustificar o inicio das obras, e agardar a que volvan millores tempos na Xunta. <

Estes aproveitamentos concedidos e pendentes de execución poden portanto comezar a executarse en calquera momento. ADEGA esixe da Xunta de Galiza que investigue o estado destas concesións con vistas á apertura dos pertinentes expedientes de caducidade e que poña en coñecemento da Fiscalía as práticas "fraudulentas" dalgunhas destas empresas.

Outras minicentrais están a piques de ser perpetradas cos informes favorábeis de Augas de Galiza, malia a afectar a espazos da Rede Natura. É o caso da minicentral do Ramallal, no río Verdugo, promovida por Minicentrales del Verdugo S. L. Esta instalación, xunta co salto de Gaxate, no Oitavén, promovida por Hidroeléctrica de Pontevedra S. L. (que ten como administradores únicos a Antonio Vidal Pego, prófugo buscado dende setembro de 2005 pola Interpol e Luis Castro Valdivia, cuñado do ex-Director Xeral de Industria, Ramón Ordás Badía, imputados por delictos de tráfico de influenzas) están pendentes do Levantamento de Acta de Recoñecemento Final por parte de Augas de Galiza.
<
A instalación do Verdugo, modificou completamente o leito fluvial afectando a máis de 30.000 m2 do hábitat priorotario 91E0* "Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior", dentro do LIC Serra do Cando. Polo que respeita á instalación do Oitavén e igual que a anterior, malia a incumprir as Declaracións de Impacto Ambiental emitidas no seu momento pola Xunta, nos aspeitos relativos aos dispositivos de protección para a fauna piscícola, e a non teren aínda permiso definitivo, están xa turbinando dende febreiro deste ano. ADEGA esixe de Augas de Galiza que non conceda o derradeiro permiso a estas instalacións e que revise as declaracións de impacto á vista dos flagrantes incumprimentos e afeccións aos hábitats protexidos, alén que poñer en coñecemento da fiscalía as presuntas irregularidades observadas nestes proxectos, que xa están a funcionar mesmo ante de ramatar a súa tramitación.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: