Alexandre Sánchez Vidal quere saber se o depósito se volveu encher e seguiu vertendo despois da primeira filtración.
O tenente de alcalde de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal, do BNG, pediu unha investigación para aclarar se despois da fuga de "25.000 litros de gasóleo" do depósito do Adif á rede de saneamento se volveu encher "con 30.000 máis". Sánchez Vidal considera que se debe abrir un expediente municipal para saber o que pasou, cando e de quen foi a responsabilidade.
O representante nacionalista asegurou que os datos que se dispoñen sobre a fuga de 50.000 litros de combustíbel no barrio de Peliquín "merecen unha investigación" do órgano competente: a concellaría de Medio Ambiente, e que "se realmente se confirma" que houbo un vertido previo e outro posterior despois de volver encher o depósito "alguén debería responsabilizarse disto", que cualificou de acción "disparatada".
Alexandre Sánchez explicou que, ao se coñecer a fuga de gasóleo, ordenou analíticas na zona termal do Miño para saber se houbo contaminación da zona. Tamén lembrou que o Adif xa fora advertido anteriormente polo "perigo que representaban" os depósitos, e pediu unha "intervención aclaratoria" da Concellaría e da Consellaría de Medio Ambiente e mais da Subdelegación do goberno español.
O tenente de alcalde ourensán denunciou que en Peliquín xa había "vertidos hai anos e hainos agora", e que "iso non é propio dunha cidade como Ourense". Pediu "honestidade e transparencia" na resolución do caso e confirmar que non houbo "neglixencias ou pouca atención".