Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
O "non" sobe nas enquisas

Ahern agoira "desastre" se os irlandeses rexeitan o tratado europeo

Mentres a maioría de estados seguen aprobando a nova euroconstitución nos parlamentos, Irlanda mantén para xuño a cita coas urnas.

Redacción - 13:40 28/04/2008

Austria e Dinamarca son os últimos socios da Unión Europea en ratificar o Tratado de Lisboa, a revisión do anterior proxecto de Constitución Europea. E unha vez máis, a ratificación faise nos seus respectivos parlamentos, evitando a votación en referendo que levou á retirada do anterior documento. Anteriormente xa o fixera tamén, entre outros, a asemblea francesa, evitando así o impacto que no seu momento causou a decisión dos cidadáns franceses de negarlle a confianza ao proxecto no referéndum daquela convocado.

Cunha ducia de países membros co texto xa aprobado parlamentariamente, de momento só Irlanda puxo data para a organización dun referendo, que terá lugar o próximo 12 de xuño. Cara a esa data, a última sondaxe sorprendeu aos políticos irlandeses cun forte descenso do "si" ao tratado, oito puntos porcentuais menos que a anterior enquisa realizada. Así, o "non" sería agora a opción do 31% dos electores, mentres que o "si" apoiaríano apenas o 35%. Ademais, a porcentaxe de indecisos chega ao 34%. O cambio respecto ás cifras de hai só dous meses, debuxa un escenario complicado a curto prazo para o actual executivo irlandés.

Fronte a eses datos, o primeiro ministro Bertie Ahern declaraba esta fin de semana para a prensa irlandesa que unha vitoria do "non" terá "repercusións de inmenso dano para Irlanda" e cualificaba a posibilidade da derrota do tratado como "un desastre para o país". O texto necesita da unanimidade de toda a UE para entrar en vigor a comezos de 2009, e Irlanda é o único país que o vai someter á opinión dos cidadáns.

A situación chega ademais no medio dunha crise política, a resolver aínda coa saída de Ahern o próximo 6 de maio, cando será substituído no cargo polo seu compañeiro Brian Cowen, despois da dimisión presentada recentemente.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: