Chega un novo número do Vieiros da Escola, que desta volta repara na influencia da emigración na atención das carencias educativas en Galiza.
A finais do século XIX, o panorama educativo galego presentaba unha longa serie de carencias, sendo as máis evidentes a falta de locais adecuados, a escaseza de mestres cualificados ou a ausencia de métodos e recursos para atender axeitadamente as demandas da poboación infantil en idade escolar, o que provocaba un baixo rendemento académico e altas taxas de analfabetismo.
Nese escenario, as axudas canalizadas a través de sociedades de emigrantes foron un proceso exemplar de emancipación política no contexto da emigración que estivo vencellado, na súa meirande parte, ao rexurdir do nacionalismo. Un fenómeno que ocorreu case exclusivamente cos emigrantes galegos, e que denota a súa capacidade para transformar en positivo as propias carencias persoais; para convertelas en progreso e benestar mediante unha voluntariosa aprendizaxe e, ao mesmo tempo, para transcender o logro individual converténdoo, mediante a organización colectiva, en obras dunha inmensa significación altruísta
Xosé Manuel Malheiro, profesor do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, é autor dun novo número de Vieiros da Escola: Sociedades de instrución, fundacións docentes e escolas de emigrantes.