A operación supón que os dous fundadores da empresa queden co 52,5% restante das accións.
O empresario Manuel Jove mercou o 47,5% da empresa tecnolóxica Blusens a través da súa corporación Inveravante. A operación, incluída no plan de negocio da compañía de electrónica, que pode supoñer un investimento de até 16 millóns de euros. Pola súa banda, os cofundadores de Blusens, Xosé Ramón García e Miguel Silva, quedan co resto da participación, ao mercaren a dos outros socios minoritarios.
Trátase da primeira operación de Inveravante no eido das novas tecnoloxías e responde ao seu interese por diversificar a súa carteira cara a sectores con potencial de desenvolvemento. Jove entra en Blusens subscribindo unha ampliación de capital de Blusens Global Corporation, despois da fusión de Blusens Technology e das súas filiais Blusens Middle East e Blusens China.
Despois da ampliación de capital, Blusens presenta unha valoración de até 50 millóns de euros. O seu plan de negocio prevé acadar unha facturación de 70 millóns de euros en 2008 e chegar aos 100 en 2009. Inveravante anunciou nun comunicado a súa intención de achegarlle á empresa tecnolóxica galega solidez para expandir a súa actividade internacional e diversificar a súa liña de negocio cara á electrónica profesional.
A corporación de Manuel Jove, primeiro accionista do BBVA, xa contaba con presenza en sectores como o téxtil, con Caramelo; da enerxía, con Vetra; da xestión do solo e do patrimonio, co Parque Warner; da agroalimentación, con varias adegas de viño, e o hoteleiro.