Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tres mortos

O presidente de Afganistán sae ileso dun ataque talibán

Hamid Karzai abandonou o estrado dende o que presenciaba un desfile militar en Kabul tras oír os primeiros disparos.

Redacción - 17:50 27/04/2008

O presidente de Afganistán, Hamid Karzai, abandonou o estrado dende o que presenciaba un desfile militar tras producirse un ataque contra a cerimonia, reivindicado pouco despois polo voceiro dos talibáns Zabiullah Mujahid.

Minutos despois de comezar o desfile para conmemorar a vitoria da resistencia afgán contra os ocupantes soviéticos, ouvíronse uns disparos, que forzaron a retirada de Karzai e doutros membros do goberno presentes no acto, segundo imaxes difundidas en directo pola televisión.



Tres dos seis atacantes morreron no tiroteo que se desatou mentres o resto conseguiu fuxir cara a un "lugar seguro", sinalou Mujahid, que non puido dicir se causaron algunha baixa durante o ataque.

Os antigos mujahidín afgáns teñen unha forte presenza no parlamento e no goberno de Karzai e cada ano conmemoran cun desfile en Kabul a súa vitoria contra a Unión Soviética, que invadiu o país en 1979 e retirouse dez anos despois.

Na década de 1990, os talibán tomaron as armas contra o goberno dos mujahidín, tras varios anos de sanguenta guerra civil que enfrontou ás distintas faccións que loitaran contra a URSS.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: