Os veciños critican a "improvisación" de Medio Ambiente e afirman que dende hai unha semana xa se vían pequenos restos de chapapote.
O Ulla ao seu paso por Pontecesures / Flickr: tracX
O fuel invadiu o río Ulla este sábado, impregnando de chapapote ambas as dúas marxes durante varios quilómetros, despois de que o depósito da fábrica de coiros Picusa, en Padrón, sufrise unha rotura.
Restos do vertido chegaron deica a ponte de Catoira, segundo informaron os veciños. Mesmo mariñeiros de Pontecesures cederon as súas embarcacións para facilitar os labores de limpeza de grupos de cidadáns voluntarios con luvas de plástico e botas de auga, enchoupadas de fuel.
O delegado provincial de Medio Ambiente, Xoán Francisco Froján, visitou a zona afectada, e segundo informa o Diario de Arousa, a última hora da tarde do sábado comunicou que a situación estaba controlada. Fontes da consellaría, tras efectuar as primeiras investigacións sobre o terreo, foron as que indicaron que o vertido proviña dun colector da fábrica pertencente ao grupo Cortizo.
"Improvisación" da Consellaría de Medio Ambiente
Os veciños xa alertaran hai unha semana de que estaban a aparecer restos de chapapote, mais non foi deica este sábado, cando o fluxo era máis abundante, cando os técnicos de Medio Ambiente detectaron a orixe do vertido. É por isto que critican a "improvisación" do departamento que dirixe o socialista Manuel Vázquez.
Un dispositivo composto por axentes de Medio Ambiente encargarase de vixiar o tramo afectado do Ulla e unha embarcación tomará mostras no río durante toda esta semana, informou Froján.