Ximbaleu organiza un "macroserán" popular no que uns 30 grupos han encher o casco vello da vila, nunha reivindicación da nosa música e cultura.
O Concello de Baiona organizou, algo lonxe de Sevilla e xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios (ACEBA) e a Escola de Flamenco, unha Feira de Abril na vila, ao máis puro estilo andaluz, que ha encher a praza do Concello os días 25, 26 e 27 de abril.
Cando se soubo do evento, saíronlle moitas críticas, entre elas a da Asociación Ximbaleu, que, estando a piques de xurdir na vila, apurou e vaise presentar publicamente o mesmo sábado, cun "macroserán" reivindicativo, no que se quere lembrar a cultura e a música propia do noso país.
Vieiros falou con Roberto Carlos Valverde, membro da asociación acabadiña de nacer que, ademais de nos explicar de onde vén o nome do colectivo (o ximbaleu é o pau que empregan os mariñeiros para descargar, colléndoo entre dous, cada un por un extremo, as caixas de peixe do barco, cousa que di que eles tamén teñen que facer coa nosa cultura, traela, achegala...), deunos as razóns polas que se opoñen á celebración "improcedente" da Feira de Abril.
Abríndolle paso á cultura propia
"Estabamos en vías de creación da asociación, nacida para pór en valor a nosa cultura a través de distintas actividades en Baiona, cando o concello presentou a feira. Daquela pensamos en acelerar a presentación de Ximbaleu e facémolo cun acto pseudoreivindicativo, este macroserán", dixo Valverde, ao tempo que sinalaba que o de "macro" acáelle ben, xa que teñen confirmado a súa asistencia xa trinta grupos de música tradicional distintos, varios poetas (entre eles Anxo Angueira) os regueifeiros Lois Carruncho e Benito Lobariñas, o cantautor Tino Baz... "Animáronse moitos grupos e imos comezar ao mediodía, percorrendo as rúas do casco vello... agás na zona na que está a Feira de Abril".
"Eles teñen medo a que vaimos rebentarlles a festa", afirmou Roberto Carlos Valverde, "Mais nós só imos facer unha festa coincidente no espazo e no tempo".
Moi lonxe de Sevilla...
En Baiona non existe tradición ningunha relacionada coa cultura andaluza: "tampouco existe ningún colectivo andaluz", dixo Valverde, "só estamos irmandados con dúas vilas de Andalucía, polo do Descubrimento de América... e nós non estamos en contra desta cultura nin das súas manifestacións. Nós estamos en contra do xeito que ten de actuar este concello coas asociacións culturais da vila e cos actos que organizan".
De feito, a asociación reclama que dende o concello se lle dea máis apoio ás celebracións da cultura tradicional galega, posto que, segundo contou Valverde, o máximo que se fai é deixar actuar a algún grupo da zona polo verán ("cobrando menos do que habitualmente") e o Día das Letras Galegas organízase unha marcha cicloturista, e óbvianse as celebracións relacionadas coa lingua e a cultura galega.