Luita Verde ante a celebración mañá 22 de abril do Dia da Terra, e xa que este ano se adica ao cambio climático, quere denunciar as política continuista do actual goberno da Xunta do BNG-PSOE con respecto ao anterior do PP en materia de transporte, baseada no financiamento de grandes cantidades de diñeiro na construcción de máis vías de alta capacidade e agora tamén do tren de alta velocidade (AVE), e tamén de ampliacións de portos e aeroportos, que só favorece o negocio das grandes empresas da construcción e o modelo do transporte privado e a cambio nos perxudica polo grave e irreversible impacto ambiental da construcción das infraestructuras, a contaminación acústica que provoca e as grandes cantidades de gases de efecto invernadeiro á atmósfera que emite á atmósfera o tráfico rodado, e que pasan por ser as segundas en importancia, despóis das industriais, aínda que para os núcleos habitados, pasan por selo primeiro pola súa proximidade
No Morrazo esto xa está a pasar coa construcción e posta en funcionamento dende finais do 2004 da vía rápida e agora se quere empiorar coa proposta de desdoble a autovía feita pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a escasas datas dos últimos comicios electorais de marzo.Por engadido queremos alertar sobor da forte perda de usuari@s do transporte colectivo (bus e especialmente o barco de pasaxe da ría) provocada pola posta en funcionamento da vía rápida e a supresión da peaxe da autopista A-9, en Rande. A cambio estamos a ver que tódalas promesas feitas tanto pola Xunta como polos Concellos de fomentar o modelo do transporte colectivo, están caíndo en saco roto, en parte pola falla de vontade política e das inversións e apoios necesarios, pero nos entendemos que sobre todo é porque se prima o modelo de transporte privado que acapara case tódalas inversións e atencións dos gobernos, incluído tamén o estatal, a traveso do seu Plan Estratéxico de Infraestructuras de Transporte, sendo totalmente incompatible un modelo co outro.
Outra das grandes eivas do modelo do transporte privado é que está baseado no transporte de mobilidade por vías pechadas a grandes distancias e escasos accesos, impactando e aillando todo o que se atopa no seu transcurso, e obrigando @s usuari@s a trasladarse a grandes distancias co seu automóvil privado, co conseguinte maior gasto enerxético, contaminación acústica e atmosférica e inclusive inseguridade vial. A cambio o que sae totalmente perxudicado é o transporte de accesibilidade, o que temos máis próximo de nós, totalmente desasistido, e non hai máis que ver o estado en que están as estradas locais e comarcais dende hai anos, o tren convencional ou o propio tranporte colectivo da ría, en grave perigo de desaparecer. Por outra parte nin sequera se apoian alternativas como o carril bici, salvo pequenos tramos en chan pola beiramar das vilas, cando tiña que ser extensivo a todo o entramado viario, tanto o urbano como o rural, como asimesmo tampouco se ten en conta a humanización e peatonalización do mesmo, salvo os centros urbanos, e así nos atopamos con que moitas das estradas periurbanas e rurais, por non decir a maioría, non teñen beirarrúa e ás veces nin tan sequera arcén.Para rematar queremos tamén alertar sobre a grande suba do parque automobilístico na comarca do Morrazo, o que xa está a provocar grandes problemas de estacionamentos e inseguridade vial e dar o toque de atención sobre o que está a pasar tódolos veráns e xa antes en menor medida polas vacacións da Semana Santa, que é cando o tráfico de vehículos motorizados se dispara, por causa da absorción do mesmo por meirandes e anchas estradas xa existentes (vía rápida do Morrazo e variante de Marín) e que provoca colapsos viarios de varios kilómetros, ó non poder absorber os poucos accesos das estradas comarcais, máis pequenos e estreitos, o volume de tráfico xenerado polas outras.