As autoridades chinesas afirmaron que o recoñecemento ao líder tibetano no exilio é unha "groseira inxerencia" nos asuntos propios do seu país.
A China deu, esta terza feira, conta do seu "forte descontento" en relación á decisión da cidade de París de concederlle ao Dalai Lama o título de "cidadán honorífico", estimando, ao tempo, que este feito é "unha groseira inxerencia" nos asuntos internos chineses.
"A China dá conta da súa enérxica oposición", indicou a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores, Jiang Yu, ao tempo que salientaba que as relacións franco-chinesas quedaban danadas. Yu tamén apelou ás autoridades francesas para que tomen "medidas concretas para salvagardas as relacións bilaterais".
Tensión entre París e Beixín
O Dalai Lama, Premio Nobel da Paz 1989 pola súa dedicación á causa tibetana, é considerado pola China como un líder político que procura a independencia do territorio tibetano, que hai medio século fai parte do territorio administrativo chinés.
A cidade de París decidiu a pasada segunda feira concederlles o título de "cidadáns honoríficos" ao Dalai Lama (a pedido do alcalde da capital francesa, Bertrand Delanoe) e ao disidente chinés Hu Jia (a pedido d'Os Verdes), recentemente condenado a tres anos e medio de prisión na China. O recoñecemento produciuse no contexto da recente tensión entre París e Beixín após o fracaso do paso do facho olímpico pola capital francesa.