Un novo organismo gobernamental controlará todos os aparellos que usen rede sen fíos a través dun complicado rexistro.
O goberno ruso está decidido a controlar completamente o acceso dos seus cidadáns á rede. Así, acaba de crear unha axencia reguladora, o Servizo de protección cultural e dos medios de comunicación de Rusia, que terá, entre os seus cometidos, inscribir nun rexistro todos os dispositivos do país que empreguen o sistema wi-fi, segundo denuncia The Other Russia.
A obriga inclúe, ademais dos puntos de acceso público, todas as redes domésticas, os computadores portátiles, móbiles e PDA, segundo explicou o director da división de control das comunicacións da axencia, Vladimir Karpov. Ademais, o estar rexistrado só permite o uso da ferramenta por parte do seu propietario. O rexistro é un proceso complicado: un trebello de uso persoal pode levar dez días, pero unha rede doméstica require achegar numerosa documentación, e se está en Moscova ou en San Petersburgo hai que recorrer a dúas axencias estatais.
A nova política vai contra o feito até o ano 2007, cando todos os aparellos de rede sen fíos estaban exentos de restricións, e pode ter que ver co feito de que a nova axencia xorde da fusión doutras dúas, con intereses opostos, co que ten que compatibilizar a regulación das telecomunicacións coa arte, o xornalismo ou a avogacía. Tamén é posíbel que influíse o feito de que Rusia sexa o segundo país do mundo en enviar spam, a pouca distancia dos Estados Unidos, e noutro tipo de delitos informáticos.