O galego mantívose en cabeza dende o comezo, perdendo só uns segundos na proba de ciclismo. Os mozos tiveron máis sorte que as mozas: case non lles choveu.
O triatleta ferrolán leva 17 podios consecutivos en competicións internacionais e non perde unha carreira dende o Mundial de Hamburgo de 2007. Tampouco quixo perder desta vez: corría na casa, cousa que se notou a cada quilómetro gañado, no medio dos berros de ánimo da moita xente que colleu un paraugas e saíu á rúa a ver competir ao mellor triatleta do mundo.
Despois de gañar nos dous circuítos da Copa do Mundo de Mooloolaba (Australia) e New Plymouth (Nova Zelandia), o ferrolán quixo competir en Pontevedra este sábado, e abandonou a proba que se desenvolvía en Xapón a pasada semana para preparar o percorrido pola cidade na que vive (o tempo que está en Galiza).
A proba masculina
Non chovía cando os triatletas se tiraron á auga do Lérez, e case non choveu en todo o percorrido (só unhas gotiñas cando colleron as bicis), cousa que axudou moito aos participantes, que evitaron as molladuras e o frío que poucas horas antes experimentaran as mozas. O primeiro en saír do Lérez: Gómez Noya, seguido do italiano Leonardo Ballerini a 27", e do español Paquillo Fernández-Cortés a 29". O mellor situado da selección española era Francesc Godoy, que ía sétimo, a 40".
Cando comezaban os 40 quilómetros de carreira en bici, comezou a chover miudiño. Gómez Noya iba no grupo de cabeza con xente poderosa, como o portugués Bruno Pais, os alemáns Steffen Justus e Andreas Raelert e o ruso Valentin Meshcheryakov. En nada Gómez Noya púxose primeiro e, a falta de tres voltas superaba ao francés Franky Batelier, ao ruso Artem Parienko e ao alemán Steffen Justus, os seus inmediatos perseguidores.
Non hai quen poida con Gómez Noya
Nada máis comezar a carreira a pé o galego impuxo as súas regras. Nos primeiros quilómetros foilles roubando segundos e minutos aos seus perseguidores, e entrou lanzado no Estadio da Mocidade do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). A xente estaba de pé, a carón dos paraugas, e ovacionaron ao ferrolán ao velo entrar de primeiro. O estadio estaba cheo a pesares do mal tempo.
Percorridos, con moitísima vantaxe, os 10.000 metros de carreira a pé, Javier Gómez Noya entraba, sobradísimo, no estadio. A última volta de Gómez Noya foi espectacular, e un chisquiño antes de atravesar a liña de meta, deu a volta e saudou ao público, perdendo uns segundiños de nada, para pasar sorrindo, a liña final.
Segundo foi o alemán Prochnow, e terceiro o seu compatriota Steffen Justus.