Investigadores experimentaron en Madrid con ferreiriños azuis aos que se lles puxo cheiro de furón nos seus niños.
Un dos paxaros do experimento / Gustavo Tomás
Investigadores do CSIC descubriron que os paxaros tamén son capaces de captaren a presenza dos seus inimigos mediante o olfacto. Científicos do Museo Nacional de Ciencias Naturais experimentaron con ferreiriños azuis en caixas-niño na serra madrileña.
O traballo, que se publica no último número de Functional Ecology e do que se fai eco SINC, é a primeira proba de que as aves diferencian os seus depredadores mediante sinais químicos que modifican o seu comportamento. O experimento demostrou que as distintas clases de ferreiriños, que aniñan en buracos, empregan o olfacto para descubrir se as donicelas ou martas entraron no seu niño, pois non teñen visibilidade para detectalos.
Para probalos, engadiron o cheiro do furón no interior das caixas-niño cando as crías tiñan oito días e comprobaron que "os pais tardaban máis en entrar na caixa para cebar os pitos e achegábanse máis veces sen chegaren a entrar". Todo isto foi controlado cunha cámara de vídeo situada a varios metros da caixa. Porén, os paxaros non diminuíron o número de veces que alimentaban as crías, aínda que pasaron menos tempo dentro do niño, co que evitaron o posíbel perigo de se expoñeren aos seus inimigos sen deixar de darlles de comer aos fillos.
Tamén probaron a engadir outro olor, o do paspallás, para comprobar a reacción dos animais. Así, comprobaron que o cheiro descoñecido fixo que as aves agardasen algo máis a entrar no niño, pero non tanto como ao uliren a presenza dun depredador. Despois de 13 días, comprobaron que as crías que foran alimentadas dun xeito máis 'furtivo' polos seus pais non sufriran ningunha eiva no seu crecemento con respecto ás demais.