Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
JORGE ALGORA, DIRECTOR DE 'O NENO DE BARRO'

"Débese apoiar tamén a distribución dos filmes, non só a súa produción"

O cineasta recibiu este martes o recoñecemento unánime do sector, facéndose con nove premios Mestre Mateo.

Marcos S. Pérez - 09:00 17/04/2008

O martes foi a noite de O neno de barro, pero sobre todo a de Jorge Algora (Madrid, 1963). O seu filme foi o gran triunfador dos Mestre Mateo, e el persoalmente fíxose cos premios ao mellor director e mellor guionista. Evidentemente, non é un recén chegado ao audiovisual; leva traballando en Galiza dende hai máis de vinte anos, encargado de múltiples producións televisivas e documentais. Obtivo os seus primeiros recoñecementos a nos anos noventa con Galicia, poema visual e un gran número de traballos publicitarios. Na súa filmografía destacan Emigrantes en terra de emigrantes (2001), Terra de náufragos (2002) ou Camiño de Santiago: A Orixe (2004). Socio da empresa Adivina Producciones, tamén é vicepresidente da AEGA (Asociación de Empresas Productoras de Galicia) e forma parte da CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia).

O filme estivo presente en moitos festivais de todo o mundo, e recibiu moitos recoñecementos. Pero non sei até que punto gañar un premio na casa é aínda máis gratificante...

Era o recoñecemento que máis perseguía. O filme está a ter un grande éxito en Arxentina, está funcionando moi ben, tanto entre a crítica como entre o público, pero o certo é que por problemas de distribución, en España e en Galiza non tivo tanto impacto como debería. Todos os premios son importantes, porque con eles vese ratificado o esforzo de todo o equipo durante meses, e atravesando moitas complicacións. Pero un premio como este, outorgado polos teus compañeiros, sempre é máis gratificante, porque sentes o seu afecto.

E ti, persoalmente, como te sentes recibindo por fin un gran recoñecemento despois de moitos traballos e de moitos anos de actividade?

Home, teño feito moitos filmes, e levo moitos anos traballando no audiovisual, entre a televisión e o cinema, pero esta era a primeira longametraxe que dirixo. Quizais o que tardou foi esta oportunidade de poder dirixir unha longa de ficción.

Onde estás máis cómodo, no documental ou na ficción?
O meu é a ficción, iso sempre o tiven claro. Eu estudei na Escola de Arte Dramática, e a miña materia prima básica son necesariamente os actores. E aínda que tamén estou cómodo noutros xéneros, espero poder seguir dirixindo ficción a partir de agora.

Comentabas os problemas de distribución. Quizais agora ese é o grande problema dos proxectos independentes, xa non tanto a produción, senón a promoción e a exhibición, non si?
Iso comentábao na gala con Ignacio Vilar, que está a ter moitísimos obstáculos para distribuír Pradolongo, tendo que facer el todo o traballo, case de maneira artesanal, e en condicións poderiamos dicir que terceiromundistas. Penso que a administración debería apoiar tamén a promoción e a distribución dos traballos realizados pola industria audiovisual, non só a súa produción. Non somos unha industria, tamén? E non se crean clusters da madeira, do naval e doutros sectores? Nese sentido os arxentinos traballan moi ben; levan os seus filmes por todo o mundo, lévanos a todas partes, e conseguen distribuílos. E eles teñen os mesmos problemas ca nós, a mesma competencia das majors norteamericanas.

Que vos pasou exactamente na distribución de O Neno de Barro no Estado? Con cantas copias saístes?
Saímos con 65 copias, que non é moito, pero é unha cifra coa que te podes meter nas cidades máis grandes. O que pasa é que a distribuidora decidiu estreala á vez que Spiderman, Piratas do Caribe e Zodiac, que é un thriller, igual que a nosa. Iso foi un erro. O filme distribuíuse coa mesma forza en Arxentina e chegou a ser a oitava película máis vista, con máis de 200 mil espectadores. O filme ten moito tirón, comezando sobre todo por Maribel Verdú, xa que era a primeira película que protagonizaba despois do Labirinto do Fauno.

Ti naciches en Madrid, pero levas máis de vinte anos en Galiza, media vida, e a galeguidade dos teus filmes é innegábel. Como foi o teu desembarco aquí?
Si, cheguei en 1986 para traballar nunha das primeiras produtoras que se crearon no país, Videotrama, pola que pasou case todo o mundo: Villaverde, Carlos Amil... E debutei coa serie Visión Atlántica, que me permitiu, recén chegado a Galiza, asistir ao momento histórico da chegada das obras de Seoane, e ver como, emocionada, Maruxa Seoane, ía abrindo as caixas. Despois entrei na Televisión, con toda a súa potencia acaparadora.

Que tal vai Adivina? É doado sacar adiante produtos independentes, de calidade?
Temos a sorte de contar cun equipo magnífico, por exemplo Suso Bello, que se encarga da fotografía; ou Iria López, que gañou o premio Biblos o pasado ano, e que ademais de ser montadora é realizadora, e estivo nominada este ano aos Mestre Mateo cun documental; ou Rita Romero... Eu creo que a clave da produtora é que de todos os que estamos alí, e somos 17, ninguén é empresario, todos somos traballadores, cineastas, e iso nótase.

Con que estades agora?
Esta semana por exemplo saímos para Cuba para gravar a Farola do Morro para un documental que a ligue coa Torre de Hércules, un proxecto de Rómulo Sanjurjo e Lino Braxe. Claro que tamén temos que rodar spots para Gadisa ou para empresas de mobles. É difícil manter o día a día.

E ti, persoalmente, cal é o teu próximo proxecto?
Comezarei a gravar este verán un documental sobre Anna Turbau, que se vai chamar 'A mirada de Anna'. Ela foi a fotógrafa de Interviú e de Primera Plana en Galiza entre 1973 e 1978. E as súas fotografías son unha testemuña clave daqueles anos: os primeiros Días da Patria, o primeiro Festival de Ortigueira, os problemas dos montes veciñais, as protestas na investidura de Rosón, as Encrobas. Son en total tres mil imaxes que había que recuperar, e en troques de facelo en papel, fixémolo nun filme. No documental, que conta coa axuda de Cultura, e no que seguramente colaboraráns TVG e TV3 irán aparecendo personaxes da Transición, a parella de Anna, Llorenç Soler...


2,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: