Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A economía "é máis robusta e activa que hai tres anos"

A Xunta inxectará 200 euros este ano nas pensións non contributivas

Avanzárao o vicepresidente Anxo Quintana hai algúns meses, e este mércores confirmouno o xefe do executivo. As 50 mil persoas con pensións non contributivas recibirán o ingreso no segundo semestre de 2008.

Redacción - 14:00 16/04/2008
Touriño, esta terza en Navia de Suarna

Touriño, esta terza en Navia de Suarna

O presidente do Goberno anunciou esta cuarta feira a posta en marcha dun complemento para as pensións non contributivas que se ha traducir nunha paga anual única de 200 euros (o 4 por cento do que percibe cada pensionista), a abonar no segundo semestre deste ano aos 50.000 beneficiarios actuais do sistema.

Esta medida supón "unha inxección de 10 millóns de euros", segundo dixo Touriño, que han beneficiar aos cidadáns con menos recursos e axudar a revitalizar o consumo no país e a acrecentar a demanda interna na economía galega.

"Diques de contención fronte as riadas que se aveciñan"

Isto foi o que dixo Touriño que está a facer o Goberno Galego: prepararse para o que vén con este "plus de resistencia para superar a actual situación de desaceleración económica".

Segundo o presidente galego, a economía do país é agora "máis robusta e activa que hai tres anos", e "medra máis e mellor que as do seu contorno" dun xeito equilibrado, o que se ten traducido "nunha intensa creación de emprego e nunha histórica rebaixa dos índices de paro". Isto é debido á que Galiza é, en palabras do líder do executivo galego, a primeira comunidade en ofrecer unha resposta "coherente" aos síntomas de desaceleración, coa axuda da "axilidade e anticipación" do Goberno.

Contra a desaceleración económica, obra pública
Touriño tamén avanzou que as adxudicacións de obra pública (especialmente en materia de estradas, vivenda, solo industrial e infraestrutura hidráulica) acrecentáronse en Galiza un 74 por cento durante o primeiro trimestre deste ano, e salientou o feito de que no mes de marzo pasado se licitou e contratou máis do dobre destas obras que no ano pasado.

Na súa intervención no Foro CincoDías, na Coruña, Emilio Pérez Touriño tamén falou da segunda peza deste plan: o compromiso de mobilizar máis de medio millón de metros cadrados de solo urbanizado para construír 4.000 vivendas protexidas nas principais cidades de Galiza durante o segundo semestre do ano e adiantou, nesta liña, que a Consellería de Vivenda "está en disposición de levar a un próximo Consello da Xunta a aprobación dos pregos de licitación e de posta en marcha do solo e das vivendas de referencia".

Para que as construcións vaian adiante, o Goberno tamén vai "suavizar as condicións de financiamento empresarial" para que "ningún empresario galego vexa freados os seus plans de expansión por causa do endurecemento financeiro".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: