Os EUA e Europa concentran a maior parte dos servidores, que se concentran en lugares onde a electricidade é producida por fontes renovábeis.
Os centros de Google en Europa
Moitos nos preguntamos algunha vez onde están os servidores de Google, o buscador que millóns de persoas empregan cada día cando navegan pola internet. Pois ben, Royal Pingdom decidiu colocar todos nun mapa (de Google, por suposto). En total, son 36 centros de datos, algúns compartidos con outras compañías. Deles, 19 están nos EUA e 13 en Europa, ningún ao sur dos Pirineos.
No resto do mundo, hai un centro no Brasil e tres no Estremo Oriente. Segundo os resultados económicos da empresa, Google gastou 1.900 millóns de dólares nese tipo de instalacións en 2006 e 2.400 en 2007. Ese mesmo ano creou catro novos centros de datos, que custaron uns 600 millóns.
A compañía ten en conta varios factores á hora de buscar emprazamento para os seus servidores: que haxa grandes cantidades de electricidade barata, que esa enerxía proceda de fontes renovábeis, que haxa ríos e lagos preto, porque precisan de auga como refrixerante, que haxa moito campo arredor, que non estea demasiado lonxe doutros centros de datos de Google e que haxa algún tipo de incentivos no referente aos impostos.
A pesar de que exista este mapa, Google evita dar demasiada información sobre onde están os seus servidores. De feito, os enderezos IP de case todos eles apuntan ás súas oficinas de Montain View, en California. Nese estado atópanse cinco dos centros de datos. Tampouco se coñece con seguridade onde ten pensado construír máis instalacións deste tipo, aínda que se especula sobre Taiwán, Malaisia ou Lituania.