Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VENRES 11 E SÁBADO 12

Budiño encabeza o cartaz do Intercéltico de Porto

O gaiteiro de Moaña e os irlandeses Beoga pecharán os concertos, nos que participan os portugueses Galandum Galundaina e Encontros da Eira.

Redacción - 12:07 11/04/2008

O Festival Intercéltico do Porto terá protagonismo galego na súa decimo sétima edición. Budiño pechará os concertos, o sábado, presentando en Portugal os temas do seu máis recente traballo, Home. O de Moaña non estará só; acompañarano no escenario Mercedes Péon, David Salvado (voz e pandeireta), Paulo Borges (voz e piano), Miguel Seoane (guitarra), Jacky Mollard (violín) e Carlos Castro (bombo). O concerto terá lugar no Cinema Batalha, onde se realizan todas as actuacións.

A primeira xornada do festival, este venres, abrirase ás nove e media co grupo tradicional madeirense Encontros da Eira, cuxos once compoñentes darán paso aos irlandeses Beoga. O sábado será a quenda da outra formación portuguesa, Galandum Galundaina, de Miranda do Douro. A carreira do grupo iniciouse en 1996 co obxectivo de recoller, investigar e divulgar o patrimonio musical das Terras de Miranda, así como as súas danzas e lingua. Dende entón, impuxéronse como embaixadores da cultura mirandesa.

Pechará a noite e o festival o concerto de Xosé Manuel Budiño. Ademais, o festival ten unha extensión na Casa das Artes de Arcos de Valdévez, para onde está previsto un concerto cos Galandum Galundaina e os Beoga a noite do sábado 12.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: