UXT ve "lóxica" a rebaixa e considera que vai permitir medrar por riba da media do Estado e manter a creación de emprego.
Os sindicatos CIG e CCOO coincidiron en cualificar como esaxerada a previsión de crecemento dun 2,8% da economía para o presente exercicio anunciada este martes polo conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, a pesar de que xa representa unha rebaixa de sete décimas respecto á previsión inicial.
"Dubido moito de que as previsións do conselleiro sexan reais", sinalou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que recordou que o sindicato nacionalista xa discrepara co titular de Economía cando se elaboraron os presupostos para 2008. Neste senso, explicou que Fernández Antonio "non lle daba excesiva importancia" á desaceleración económica que se aveciñaba.
Nesa mesma liña, Maica Bouza, do gabinete técnico económico de CCOO, sinalou que xa manifestaran o pasado mes de decembro que non compartían a previsión da Xunta de que o PIB medraría este ano un 3,5% e, nesta ocasión, tamén consideran que a expectativa de crecemento do 2,8% "continúa a ser optimista de máis".
UXT, máis optimista
Pola súa banda, o secretario xeral de UXT, Xosé Antonio Gómez, considerou que "parece lóxica" a rebaixa na previsión de crecemento e tampouco deu por feito que se poida cumprir. "Se realmente fose do 2,8%, permitiríanos que Galiza siga a crecer por enriba da media de España e de Europa", apuntou, convencido de que o goberno español volverá rebaixar en xuño a súa previsión de crecemento, que actualmente é do 3,1%.