Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN PARÍS

A web 2.0 consegue boicotear e apagar o facho olímpico

Os activistas contra o réxime chinés organízanse a través da rede para interromper o percorrido.

Redacción - 19:10 07/04/2008

A rede converteuse no punto de encontro das persoas que queren interromper o percorrido do facho olímpico para protestar polo réxime chinés. Este luns, en París, conseguiron que o lume se apagase por uns momentos, preto da torre Eiffel. O seguimento en directo do percorrido do facho, como está a facer o xornal francés Libération, ou en Google Maps e Google Earth, está a facilitar o labor de coñecer o lugar exacto para poder interceptar a deostada lapa olímpica desta edición.

Pouco despois de comezar o percorrido do facho pola capital francesa, as protestas contra o desfile, que foron reprimidas con contundencia, obrigaron á organización a apagar o lume "por motivos técnicos" e a efectuar o resto do percorrido en autobús, nun traxecto diferente ao orixinal.



A campaña internacional contra a celebración dos Xogos Olímpicos en Beixín está liderada, entre outras, pola web Lose the propaganda. Share the truth (que perda a propaganda, comparte a verdade) que remeda o deseño e o lema da oficial chinesa, Light the passion. Share the dream (encende a paixón, comparte o soño).

Ademais, son variadas as motivacións das protestas contra a China: contra a ocupación do Tíbet, como a devandita páxina, ou contra a censura e a falta de liberdade de información, como está a promover Reporteiros sen fronteiras. As redes sociais, como a cada vez máis popular Facebook, tamén teñen en marcha campañas de boicot aos Xogos Olímpicos, que conviven con outros grupos a favor da liña oficial chinesa.

Sinais de "apertura"


Quizais para dar mostra dun certo aperturismo, o goberno Chinés está a dar algúns pasos levantando prohibicións de acceso á información dende o país asiático. O seu último movemento, máis simbólico ca outra cousa, é permitirlles aos cidadáns chineses acceder á Wikipedia en inglés. Porén artigos 'polémicos', como o referido ao Tíbet ou á praza de Tiananmen, seguen prohibidos, igual ca a versión en mandarín da enciclopedia libre.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: