A USC promove esta iniciativa para avanzar na aprobación dos títulos adaptados ao Espacio Europeo de Educación Superior.
A posibilidade de comunicarse co resto de países é unha das cualidades que a día de hoxe buscan as empresas á hora de facer un contrato. Nun mercado laboral cada vez máis competitivo e nun mundo no que a globalización está á orde do día, faise necesario o coñecemento de canda menos unha lingua estranxeira. Así o cre a Universidade de Santiago de Compostela (USC), que está a preparar un plan segundo o que os estudantes deberán saber un idioma estranxeiro para acadar o título.
O nivel esixido para superar esta barreira será o B-1, o que deberían acadar os estudantes cando finalizan o Bacharelato. Os alumnos terán que acreditar o seu coñecemento da lingua estranxeira a través dun certificado, e aqueles que non cheguen ao nivel requirido, poderán asistir a cursos no Centro de Linguas Modernas.
As facultades de Matemáticas e Ciencias Políticas compostelás serán as pioneiras en poñer en funcionamento este plan, co que se pretende avanzar na adaptación dos títulos ao Espacio Europeo de Educación Superior.
A Coruña e Vigo
A importancia do coñecemento de idiomas tampouco pasa desapercibido para as universidades d'A Coruña e Vigo. Nesta última xa se está a estudar a posta en funcionamento dun plan para reforzar as linguas estranxeiras, mentres que no reitorado da institución herculina estase a elaborar un documento con iniciativas para que os titulados teñan unha competencia lingüística óptima nas linguas estranxeiras.