Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
POR 'A ILLA MISTERIOSA' DE VERNE

O 'Plácido Castro' de tradución foi para Ánxela Gracián

A obra pode descargarse de balde na Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos (http://www.bivir.com)

Redacción - 13:03 07/04/2008

A tradución ao galego d'A Illa Misteriosa, de Jules Verne, realizada por Ánxela Gracián, fíxose co premio Plácido Castro, que chega á súa sétima edición. O xurado, reunido en Vilagarcía, salientou a calidade lingüística do texto, en concreto no que se refire á fraseoloxía e léxico e á adaptación á sensibilidade dos lectores galegos actuais.

O traballo de Gracián impúxose aos outros candidatos, entre os que se atopaban Kornél Esti (de Dezsõ Kosztolányi), traducida ó galego por Jairo Dorado Cadilla; O viaxeiro astral (Jack London), de Xoán Abeleira; Unha estación infernal (de Arthur Rimbaud) realizada por Perfecto Andrade; Discurso da servidume voluntaria (de Étienne de la Boétie), tamén de Andrade; e, finalmente, unha colección de relatos curtos de Katherine Mansfield traducidos por Ana Mª Valladares.

Tanto a obra gañadora como as restantes candidatas pódense descargar de balde na Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos, un catálogo que conta xa con máis de 150 obras de diferentes xéneros.

O Premio de Tradución Plácido Castro nace coa filosofía que rexeu a traxectoria profesional do propio Plácido Castro del Río e que se resumía en que recuperar a lingua era un xeito de recuperar a cultura. E para recuperar esa lingua, a tradución, que el practicou, era un excelente medio. O premio está convocado pola Asociación de Traductores Galegos, a Fundación Plácido Castro del Río e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).


Ligazóns

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: