Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fronteiras internas da Unión Europea

'Os tempos son chegados' para a minoría húngara de Romanía

Tras o exemplo de Kosovë, os 'székely' piden máis autogoberno nunha rexión en que superan en número aos romaneses.

Redacción - 10:10 27/04/2008
Tropas romanesas marchando sobre Transilvania, tras a I Guerra Mundial

Tropas romanesas marchando sobre Transilvania, tras a I Guerra Mundial

En Romanía, a parte da minoría húngara coñecida como székely considera que é o momento de avanzar cara a un maior autogoberno do territorio coñecido por Székelyföld (no centro do país) e que consta das provincias de Mureş, Harghita e Covasna incluídas na Macrorrexión 1, segundo a ordenación territorial romanesa oficial (parte das históricas rexións de Dacia e Transilvania, que pasou a formar parte de Romanía tras a I Guerra Mundial).

"Kosovë é un exemplo moi claro de que se unha comunidade quere vivir baixo un goberno propio, debemos de declarar moi alto o noso arelo" afirmou Csaba Ferencz, vicepresidente do Consello Nacional Székely, un grupo húngaro local fundado en 2003 que ten como fin a autonomía, informa Nicholas Kulish, do Sfântu Gheorghe Journal -xornal da capital-, para varios medios internacionais.

De feito, o modelo polo que avogan os székely é similar ao de Escocia ou ao que Galiza, e sobre todo Cataluña e Euskadi teñen an actualidade. En teoría buscan a autonomía parcial, non a completa independencia, deixando a política internacional e a defensa territorial en mans do goberno de Bucarest.

O pasado mes de febreiro, cando Kosovë declarou a súa secesión de Serbia centos de székely botáronse á rúa para darlle o seu apoio ao novo estado, así como para demostrar as súas aspiracións a un maior autogoberno. Romanía é un dos membros da UE que rexeitou o recoñecemento á independencia cosovar.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: