En pleno ano olímpico e malia estar aínda nun momento inicial do adestramento, sorprendeu coa superioridade demostrada en Mooloolaba.
"A sensación que transmite Xavier Gómez Noya, indiscutíbel número un do mundo, é que en pleno ano olímpico a distancia que o separa do resto de contendentes é a cada paso maior". Así de farrucos analizaban este domingo despois de finalizar a proba desde a federación estatal de triatlón.
O mundo do triatlón ve así ao galego lanzado como unha das promesas aparentemente máis fortes para subir ao podio cunha medalla de ouro en Beixín. O propio Gómez Noya analizou criticamente a súa actuación este domingo na proba de Mooloolaba, en Australia, a primeira da BG Copa do Mundo de Triatlón 2008. "Fixen a peor natación da miña vida", aseguraba. O ferrolán chegaba ademais a esta competición cun adestramento menos intenso que algúns dos seus principais rivais australianos e neocelandeses, e así e todo foi quen de batelos con autoridade.
Apenas uns días despois de cumprir os 25 anos, os números de Xavier Gómez Noya meten medo: é actual campión de Europa, leva con esta catro vitorias consecutivas na Copa do Mundo, suma xa dezaseis podios consecutivos en competicións internacionais... En resumo, está chamado a bater todos os récords da historia do triatlón.
A próxima cita, tamén na Copa do Mundo, en New Plymouth, en Nova Celandia, o día 6 de abril.