A xornalista luguesa ocupará o asento do finado Miguel Anxo Araúxo Iglesias.
Nada en Castro de Rei, Margarita Ledo Andión acumula unha vizosa traxectoria no ámbito da comunicación, que inclúe a súa titulación nos anos 70 na Escola Oficial de Xornalismo de Barcelona. Dirixiu A Nosa Terra até o 1980, doutorouse e impartiu docencia na Universitat Autónoma de Barcelona e estivo no equipo que creou a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decana na súa primeira etapa, entre os anos 1992 e 1996.
É autora de múltiples traballos ensaísticos, fotográficos e audiovisuais. Un dos máis recentes é Liste, pronunciado Líster, documental sobre o home que liderou o chamado 'Batallón galego', o comandante en xefe do V Rexemento do Exército Republicano.
Margarita Ledo substitúe na Real Academia Galega, como académica numeraria, ao finado Miguel Anxo Araúxo, quen fora bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol e escritor e tradutor de numerosos textos relixiosos ao galego.