A declaración asinada polos ministros limítase a pedirlle aos chineses "diálogo construtivo" e tratar a "preservación da lingua, cultura, relixión e tradicións tibetanas".
Apenas unha pequena referencia realizada pola presidencia de quenda, con Eslovenia á fronte, onde se sinala que a Unión Europea "seguirá vixiando de perto a situación dos dereitos humanos en China". Desde a mesma oficina da presidencia da UE este semestre, indicaban ao respecto das propostas de boicot á cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos que a UE, en tanto que non forma equipos como tales, déixalle a cada estado membro a decisión ao respecto.
Nese sentido, o representante da política exterior europea, Javier Solana, anunciou que estará na cerimonia, o mesmo que fixo a diplomacia do Estado español e tamén o Reino Unido ou Portugal. Por outro lado, entre os ministros de Exteriores que confirman que os seus gobernos cavilan non asistir aparecen Alemaña, Francia e Polonia.
Por outra banda, a diplomacia europea aproveitou a cita para convidar o ministro serbio de Exteriores, Vuk Ieremic, a unha xuntanza especial. A reunión realizouse de feito á marxe do resto da axenda dos representantes de Exteriores, para evitar que o delegado serbio coincidise co de Kosovë, xa que a UE convidou tamén o primeiro ministro cosovar, Hashim Thaci. Na xuntanza, Serbia solicitou acelerar a sinatura do Acordo de Asociación coa Unión Europea. Ao respecto deste chanzo, os ministros fixeron presión á súa vez sobre a diplomacia neerlandesa, xa que os Países Baixos manteñen agora mesmo un veto á sinatura do acordo de asociación con serbia. Ao fío, a presidencia eslovena recomendou que se facilite este acordo, xa que reforzaría as posibilidades das forzas políticas pro-europeas nos comicios lexislativos que se celebrarán o próximo mes de maio.