Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sen proxecto para divulgalo e aplicalo

"Escandalosa parálise" da Xunta co decreto de galeguización do ensino

Nova Escola Galega reprocha que mentres abrollan agresivas campañas con "falsidades" sobre o decreto, a Consellaría de Educación estea deixando a súa aplicación real en "papel mollado".

Redacción - 10:00 30/03/2008

"Acaso pensa a Consellaría que a publicación dun decreto serve para cambiar automaticamente a realidade?". Sen aforrar críticas, así se pronuncian desde o colectivo Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica que cumpre este 2008 o seu vinte e cinco aniversario traballando no país coa loita pola normalización lingüística como un dos seus eixos principais de actuación.

Malia advertir das limitacións do decreto aprobado o pasado verán para o regulamento do uso e a promoción do galego no sistema educativo, Nova Escola Galega, NEG, subliña o seu apoio á normativa xa que consideran que de aplicarse realmente podería "contribuír" a avanzar na corrección "da desigualdade lingüística clamorosa a que se ve sometido o galego".

Pero mediado o curso escolar 2007-2008, NEG láiase de que "non se levasen a cabo actuacións dirixidas á necesaria divulgación dos obxectivos e dos contidos do decreto entre os membros da comunidade educativa e na sociedade, en xeral". Consideran desde o colectivo que do mesmo xeito que calquera iniciativa lexislativa ten que ser difundida entre os sectores afectados, máis aínda debera existir unha estratexia desde o Goberno ao respecto dun decreto "tan importante como este".

Un texto que ameaza quedar "só no papel"
Oito meses despois de que o Diario Oficial de Galicia publicase o decreto, NEG recoñece o "desánimo" fronte á actitude da que acusan á Consellaría de Educación. "Pouco máis fixo que publicar o decreto", din, lamentando que non se adoptase aínda ningún tipo de medida que permitise ver que a presunta vontade de mirar polo galego nas aulas vai ser algo máis que "un texto legal" que semella estar quedando apenas nun "papel".

Segundo denuncia a asociación, a situación é máis grave aínda dadas as "actuacións anti-decreto" desenvolvidas nos últimos meses por determinados colectivos e formacións políticas que "están difundindo falsidades" sobre a norma. Na opinión difundida por NEG este sábado, á volta da súa XXIV asemblea, o Goberno debería estar xa nesta altura difundindo, a través de Educación, unha información "clara e transparente" ao respecto do decreto, explicando as "razóns pedagóxicas e sociais" que levaron a promulgalo e ofrecendo unha oferta de formación do profesorado en temas como planificación lingüística educativa ou didáctica do ensino en dúas linguas. Recórdanlle ademais ao executivo que dispoñía dunha oportunidade perfecta para este traballo durante este curso aproveitando a celebración do Ano Internacional das Linguas. "Ou é papel mollado a aposta pola lingua propia e polo plurilingüismo contida na Declaración de París, que o goberno galego subscribiu en febreiro deste ano?", pregúntanse desde Nova Escola Galega.

Anterior: "Ser mestre hoxe": renovación pedagóxica en clave de país


5/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: