Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Morre Agustín Díaz

Homenaxe á enerxía vital e xornalística de Tintxu

O histórico xornalista lugués faleceu o pasado venres en Compostela.

Redacción - 14:00 27/03/2008

Agustín Díaz Blanco, "Tintxu", naceu na parroquia de Santa María de Ramil, en Castro de Rei, hai 62 anos e mantiña un forte vencello coa capital do país, onde foi concelleiro en representación de Unidade Galega durante a primeira corporación formada coa chegada da democracia. Desde hai máis de vinte anos era ademais traballador da delegación da Televisión Española en Galicia.

Entre outros, dirixiu un importante traballo documental sobre a evolución do proceso autonómico desde a transición. Tamén destaca o seu entregado labor na prestixiosa Encrucillada, revista de pensamento cristián. Na súa vizosa traxectoria vital acumulaba tamén unha sólida formación académica, con licenciatura en Ciencias da información pola Universidade Complutense, en Filosofía e Letras pola Universidade Pontificia de Comillas e a de Santiago, e en Socioloxía pola Universidade de Lovaina. Foi inspector de Educación antes de entregarse con paixón ao xornalismo, que practicou nas redaccións de La Voz de Galicia, El Ideal Gallego e TVE en Galicia.

Os lugueses podían seguilo cada domingo nas páxinas de El Progreso, onde asinaba co pseudónimo Bieito Crecente. Aló enviou o seu último artigo de opinión, publicado este mesmo domingo:

Pascua Florida
Neste mundo secularizado, a Coresma non é o que era e a semana que remata vólvese cada ano menos santa, de xeito que tamén a Pascua é algo menos florida do que adoitaba ser. Nun ano que non tivo inverno, este domingo non quere recoñecer que estamos na primavera.

Pero a tradición manda e en Portomarín seguen promovendo a aguardente: por un pouco a seca deste inverno permitía facer a festa no vello pobo, liberado das augas do pai Miño. Con esta celebración ábrese un calendario festivo que irá medrando ata o apoxeo de xullo e agosto: Galicia ponse de festa.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: