O servizo, en período de probas, permite retocar e compartir fotografías cunha versión adaptada do coñecido software.
A compañía Adobe fixo pública este xoves a versión de balde do seu coñecido software de edición fotográfica Photoshop. Desta volta, non haberá que descargar ningún arquivo, porque o Photoshop Express, que aínda se atopa en período de probas, é unha aplicación en liña, que se usa dende internet.
Con este lanzamento, a empresa estadounidense pretende manter a popularidade do seu programa e achegalo aos usuarios das redes sociais da web 2.0. Deste xeito, Adobe súmase á tendencia cada vez máis estendida de ofrecer aplicacións directamente dende a web, iniciada polos servizos de correo electrónico e continuada por paquetes ofimáticos en liña como Google Docs.
Para poder usar Photoshop Express é preciso rexistrarse. O servizo facilita 2 xigas de espazo para gardar imaxes na internet.