Unha conferencia do biólogo Francisco J. Ayala será o máis destacado desta xornada, na que tamén intervirán Anxo Carracedo e Ramón Villares.
O máis destacado da segunda xeira da Semana Galega de Filosofía foi a intervención do filósofo Javier Muguerza, que falou sobre "Os rostros da igualdade na cultura política contemporánea" na derradeira conferencia da tarde. O autor andaluz manifestou que "se fala tanto de igualdade hogano porque escasea e a igualdade, como as utopías, son desexos insatisfeitos. A utopía non se acadará nunca pero paga a pena loitar por ela, pola paz e a xustiza, xa que a loita pola utopía é a loita polos dereitos humanos". Muguerza ten sido definido como o filósofo da disidencia, pola súa persoal visión da ética: "non nego que o consenso sexa desexable, para conquerir leis e dereitos é fundamental, pero non debemos esquecer que foron conquistados polos disidentes, xa que os do consenso non llelos permitían.
Este martes, ademais, afondou no camiño que traza o pensamento sobre a utopía. O catedrático de Filosofía da Autónoma de Madrid, Félix Duque, ofreceu o relatorio "Defensa da razón transversal". Pola tarde, a actual subdirectora do Plan Galego de I+D+i, Xulia Guntín, leu conferencia titulada "Ciencia e tecnoloxía en Galiza: presente e futuro", coa que repasou o estado actual das propostas políticas neste eido e a súa proxeción cara aos anos vindeiros.
Francisco Ayala
Na terceira xornada da Semana, destaca a achega do biólogo Francisco J. Ayala, que falará sobre Evolución e deseño intelixente: da realidade á utopía. Ayala, que vive nos Estados Unidos dende 1961, é profesor de Ciencias Biolóxicas na Universidade de California, onde acadou numerosos recoñecementos, a Medalla Nacional de Ciencia dos Estados Unidos; foi ademais Presidente da American Association for the Advancement of Science.
É autor de máis de 900 artigos e máis de 30 libros, entre os que se contan, en español, Darwin y el Diseño Inteligente (2007), La evolución de un evolucionista (2006), La piedra que se volvió palabra (2006), De Darwin al DNA y el origen de la humanidad (2002), Senderos de la evolución humana (2001) ou El método en las ciencias (1998). Ayala é doutor honoris causa nunha vintena de universidades de todo o mundo.
As súas investigacións científicas están dedicadas á xenética de poboacións e á evolución biolóxica, incluíndo a orixe das especies, a diversidade xenética dos organismos, a evolución da malaria, a estrutura xenética dos parásitos protozoarios, o reloxo molecular da evolución e a evolución humana. As súas publicacións filosóficas céntranse en epistemoloxía, ética e cuestións relacionadas coa bioloxía.
Programa para este mércores
10.30 a 13.00. Anxo Carracedo (USC). Xenética: Ética e filosofía
17.00 a 19.30. Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega). Galiza como nación cultural.
20.00 a 22.00. Francisco Ayala (Biólogo). Evolución e deseño intelixente: da realidade á utopía.
Finalmente, ás 22.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá a montaxe Rebeldías posibles, da compañía madrileña Cuarta Pared.