A agacha e a arcea autóctonas están en perigo, pero o feito de existiren exemplares de paso fai que a administración e os cazadores se neguen a vedar a súa caza.
A asociación ecoloxista Adega pediu que se prohiba a caza da agacha (Gallinago gallinago) e a arcea (Scolopax rustica) no último Comité Galego de Caza. As dúas especies de aves forman parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa cualificación de "en perigo de extinción", no primeiro caso, e "vulnerábel", no segundo.
Aínda que só se consideran ameazados os exemplares que nidifican no noso país, e non os que se atopan de paso, Adega considera intolerábel que se permita a súa caza, pois non é posíbel distinguir se as pequenas aves están a aniñar ou non. A asociación xa pedira a veda das dúas especies en 2007. Daquela, a administración dixo que serían vedadas en canto se aprobase o CGEA. Este ano, co catálogo xa en vigor, tanto o Goberno como os cazadores negáronse a prohibir a súa captura por non estar protexidas as poboacións migratorias.
Para Adega, os intereses conservacionistas deben prevalecer sobre os cinexéticos no caso de dúas especies que en Galiza están no límite da supervivencia. Ademais, salienta que pouco se sabe sobre o comportamento dos exemplares autóctonos e que é imposíbel saber se son sedentarios ou migratorios polo cambio de costumes de moitas especies por mor do cambio climático.