As sondaxes indican que máis do 80% da poboación é favorábel á adhesión e mais á independencia actual 'de facto'.
Os dous referendos para o ingreso na ONU convocados este sábado en Taiwán non acadaron o 50% necesario para que os seus resultados sexan vinculantes, segundo informou a Xunta Electoral.
Na primeira das consultas -proposta polo Partido Demócrata Progresista (PDP)- preguntábase pola posibilidade de ingresar baixo o nome de Taiwán: máis de 5,5 millóns persoas votaron a favor e 351.000, en contra. A participación foi do 35,81%.
Na segunda consulta -patrocinada polo opositor Kuomitang-, sobre o ingreso na ONU mais co nome oficial de República de China, 4,49 millóns votaron a favor e máis de 721.000 en contra, cunha participación do 35,72%.
En Taiwán, as sondaxes de opinión reflicten que máis do 80% da poboación é favorábel ao ingreso na ONU e ao mantemento da actual situación de independencia de facto. Ademais, rexeitan a integración a curto prazo en China.
Precisamente, as ameazas do goberno chinés así como o rexeitamento ao referendo de Estados Unidos e outros países para o ingreso da illa na ONU baixo o nome de Taiwán, provocou o boicot á votación por parte da oposición ante o temor que as tensións se intensificasen, dada a situación no Tíbet.