A Comisión pola Memoria Histórica agarda que a recente sentenza inicie un camiño que leve á recuperación pública do pazo de Meirás.
"Ningún país democrático pode certificar como legal este modo de conseguir unha propiedade, e moito menos que á morte do ditador Franco continúe en poder da súa familia", denuncian desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, CRMH. O colectivo coruñés recorda que o pazo de Meirás foi comprado "grazas a contribucións forzosas" que nalgunhas ocasións incluíran descontos nas nóminas de traballadores a xeito de "imposto revolucionario".
"A familia Franco xa disfrutou durante moitos anos desta propiedade e agora debe devolvela aos seus lexítimos propietarios porque non é súa", solicitan, advertindo de que mentres continúe esta "auténtica ocupación", os Franco "deben saber que non serán ben recibidos nin en Meirás, nin en A Coruña, cando veñan á Casa Cornide". "É unha auténtica vergoña que o pazo de Meirás só sexa utilizado por Carmencitas, Francis, etc. para celebrar banquetes, vodas e bautizos", láianse.
Manuel Monge, presidente da CRMH, felicita a nova da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que lle permite a entrada ao pazo aos técnicos da Xunta, e di confiar en que isto sexa "o comezo dun proceso, non do final". Xa que logo, a CRMH subliña que o obxectivo final e cara ao que seguirá pedindo a mobilización social é que o pazo de Meirás "pase a engrosar o patrimonio público e poida ser gozado polo conxunto dos cidadáns".