Continúa a caída da cota galega dentro da eléctrica. A entidade financeira mantiña hai poucos meses un 10% no capital da empresa.
O rexistro da Comisión do Mercado de Valores, CNMV, indica que hai poucos días Caixa Galicia realizou unha nova venda de valores. A reducción da participación en Unión Fenosa deixa á entidade financeira galega con só o 3,5% do total da empresa, por baixo do 5% no que quedara o pasado mes de xaneiro.
No contexto de desaceleración económica e coa maioría de entidades esforzándose en gañar liquidez e manter os números ben saneados, Caixa Galicia ingresa deste xeito unha cantidade aproximada de 200 millóns de euros, segundo o valor de mercado, e mantén aínda un investimento en Fenosa de arredor de 460 millóns.
Caixa Galicia xa reducira do 10 ao 5% a súa participación na eléctrica, un desinvestimento realizado ao longo de 2007 pero do que se coñecían detalles o pasado mes de xaneiro, con ingresos de até 682 millóns de euros. De xeito paralelo, a cota galega no grupo eléctrico tamén sufría da saída do Banco Pastor, que facía caixa hai pouco coa venda dun 1,14%, mantendo agora mesmo un 1,86%.
No entanto, Caixanova queda no accionariado aínda cun 5,02%, tendo realizado incluso nas últimas semanas pequenas compras de accións de Fenosa por valor conxunto de arredor de 12 millóns de euros.