Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Atopado coa axuda dos veciños

A ARMH inicia a exhumación dos restos do comandante Moreno

Arqueólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, traballan na Fonsagrada, na foxa onde se cre que está o corpo do líder do Batallón Galicia.

Redacción - 10:00 19/03/2008

Desde primeira hora deste mércores, o equipo de colaboradores da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, ARMH, leva adiante os traballos de exhumación dos tres cadáveres atopados recentemente nunha nova foxa. Segundo os testemuños estudados, o colectivo ten a seguridade de que un dos corpos que aló atoparán é o de Xosé Moreno Torres, máis coñecido como o comandante Moreno, e os outros dous serían doutros membros do Batallón Galicia aínda por identificar.

Ao igual que os corpos xa exhumados o pasado verán, os restos serán enviados ao Laboratorio de Medicina Forense da Universidade do País Vasco, en Donostia. Aló sométense a un proceso de identificación que en último caso e de ser necesario inclúe unha proba de ADN. A historiadora Carme García Rodeja explicoulle a Vieiros que a asociación ten a seguridade case completa de que un dos corpos encontrados neste foxo hai poucas semanas é o do comandante Moreno. Por outra parte, a profesora García Rodeja destaca a "extraordinaria e emocionante" colaboración que lle prestaron á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica os veciños da Fonsagrada. O verán pasado, cando a ARMH xa contaba con atopar o corpo de Moreno, familiares do comandante que agora viven en México acudiron a seguir as escavacións.

O Batallón Galicia: memoria de loita
En setembro de 1936 creouse e comezou a se adestrar militarmente un grupo antifascista na avanzada galega cara Asturias, o que sería coñecido como Batallón de Milicianos de Galicia. Na unidade alistáronse moitos galegos residentes na raia galega-asturiana ou que conseguiran chegar até alí antes do 18 de xullo de 1936.

O 9 de xaneiro de 1937 uníronse a eles vintetrés destacados militantes libertarios galegos que conseguiran chegar ao porto de Xixón tras saír do das Xubias, na Coruña, nunha lancha pesqueira a motor, á que eles mesmos chamaban "La Libertaria". Entre os fuxidos estaba Emilio Novas Naya, Odilo Masid Masid e Xosé Moreno Torres, quen, uns meses após a chegada á Fonsagrada ía ser nomeado comandante da unidade.


3,75/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: