Un documental sobre os últimos días de Xesús Cristo, estreado oportunamente pola
BBC, xa espertou as críticas dos sectores relixiosos máis conservadores. A serie
The Passion, de catro episodios, ofrece a imaxe de Cristo crucificado dun xeito distinto ao tradicional: cos brazos, e non as mans, cravados na cruz e as pernas dobradas.
Algúns teólogos acusaron a televisión pública británica de "reinventar" a Biblia e de "enganar deliberadamente" o público, pero os responsábeis do programa defenden o traballo de investigación en que se basearon. Tomaron como referencia o único esqueleto descuberto dunha persoa crucificada, atopado en Xerusalén en 1968, e que presentaba a mesma posición ofrecida na serie.
A serie está protagonizada por actores populares nas Illas Británicas. Así, o personaxe de Xesús está intepretado por Joseph Mawle, coñecido por ter protagonizado a campaña publicitaria da cervexa Guinness, ou Paul Nicholls, ex-protagonista do eterno folletín
Eastenders e que fai de Xudas Iscariote.
Foros de tipo relixioso como
Christian Voice criticaron a emisión do espazo, que consideran un intento da corporación pública de conseguir audiencia "distorsionando a realidade". Pero non todas as voces están en contra: o bispo católico da diocese de Arundel e Brighton, Kieran Conry, valorou satisfactoriamente a emisión pola súa "vertente máis auténtica e humana" e por abordar a relixión no horario de máxima audiencia.