Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A primeira vez foi por "dar caza" a un can

Volven denunciar o alcalde de Baña por incumprir a Lei de protección animal

Por permitir que na pasada fin de semana se sortease un can na Festa da Filloa. Ao final, tras a intervención de Seprona, o animal foi mudado por un cheque, e o alcalde denunciado ante o Valedor do Pobo.

Redacción - 10:00 20/03/2008
Un can de raza beagle, moi empregado na caza

Un can de raza beagle, moi empregado na caza

A Asociación pola protección animal Abeiro (que colabora no Refuxio de Bando, en Compostela) denunciou a pasada fin de semana ao alcalde do Concello da Baña (A Barcala), Jose Andrés García Cardeso (PPdeG) por pretender sortear un can de raza Beagle na V Festa da Filloa.

Segundo lle contou a Vieiros a presidenta de Abeiro, Susana Romero, a rifa do can beagle (raza moi cobizada polos cazadores, e tamén unha das máis abandonadas do país, segundo esta asociación), está prohibida segundo a Lei de Protección Animal 1/93.

Nesta norma contémplase que "a doazón de animais de compañía como premio" está considerada como unha infracción. Por iso a asociación recorreu á Concellaría de Medio Ambiente e ao Seprona. Finalmente foi a garda civil a que parou o sorteo do pasado domingo, mais non de todo, segundo conta Romero, posto que no canto do can sortearon un cheque "por un valor de 350 euros, que é o prezo que ten esta raza no mercado, o que nos parece unha auténtica burla", salientou.

Daquela, a Asociación pola protección animal Abeiro recorreu ao Valedor do Pobo. "O importe do cheque parécenos unha broma de mal gusto por parte do Concello da Baña, e aínda que mercar un can, por desgraza, é legal, nós recorremos ao Valedor do Pobo denunciando os feitos, e a nosa queixa foi admitida a trámite. Agora imos agardar que o Valedor se poña en contacto co Concello e a ver que resolven", terminou Susana Romero.

Reincidente na vulneración dos dereitos dos animais

Susana Romero tamén lembrou que esta non é a primeira vez que o alcalde da Baña conculca os dereitos dos animais. De feito, a asociación vaille entregar un exemplar da Lei de protección animal, "para que esta institución entenda que os animais non humanos teñen dereitos que están recollidos e son de obrigado cumprimento, tamén no seu concello".

Xa en xaneiro deste ano o alcalde Jose Andrés García Cardeso foi denunciado por esta asociación ante o Seprona e a Consellaría de Medio ambiente por ordenar a dous traballadores do concello "dar caza" a un can que foi finalmente adoptado por dous veciños.

Sen refuxio nin servizo de recollida de animais abandonados

Susana Romero tamén quixo salientar que ninguén sabe con certeza que fai o concello da Baña cos animais abandonados, cando o resto de concellos dos arredores de Compostela acoden aos servizos do Refuxio de Bando. "Cada ano chegan a Bando polo menos un milleiro de cans dos concellos limítrofes con Santiago de Compostela, mais da Baña non entra ningún", di Romero, ao tempo que lembra que un concello como o da Baña ten a obriga de se poñer en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente, cunha protectora ou mesmo crear un servizo municipal propio para recoller os animais abandonados na súa zona, "mais nin neste nin en moitos outros concellos de Galiza están cumprindo a lei neste sentido", salientou Romero.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: