Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Horizonte Universal

Solucións con trampa na Igrexa

A Igrexa católica celebrou sen pena nin gloria o Día do Seminario. O lema deste ano era “Se escoitas a súa voz”; invitando unha vez máis a “pedir ao Señor que envíe pastores”, pois hai necesidade de curas, que son cada vez menos. Pero a cuestión dos curas é seguir coa mesma cantinela ou, máis ben, cambiar o modelo con máis fidelidade ao Evanxeo?

Victorino Pérez Prieto - 19:59 14/03/2008
Tags:

Catolicismo aberto

E eu lembraba que había unhas semanas o arcebispo de Friburgo, Robert Zollitsch –que vén de ser nomeado novo presidente da Conferencia Episcopal alemana en substitución do prestixioso cardeal K. Lehmann- manifestara que o segundo aspecto é máis importante, apostando por un “catolicismo aberto”, en contra das “prohibicións na forma de pensar diferente” que se fan na Igrexa. Isto suporía para el, entre outras cousas, eliminar a obrigatoriedade do celibato para os sacerdotes da Igrexa católica –a única igrexa que o conserva-, posto que a relación entre o sacerdocio e o celibato non é necesaria desde o punto de vista teolóxico. Resulta algo novo por quen o di, pero é ben sabido na Igrexa desde hai moito tempo.

Polo celibato opcional

Con todo, a xerarquía católica teima en continuar coa norma obsoleta do celibato obrigatorio dos seus curas, que quixo ser revisada co Vaticano II, pero á que o Xoán Paulo II deu carpetazo e Bieito XVI volveu facelo recentemente. Isto malia as posturas -maioritarias e en contra- dos leigos, os curas e moitos bispos nos últimos anos, polo prexuízo que lle causa ao pobo cristián prescindir dos servizos de miles de bos curas -que seguirían animando parroquias a pesar de teren casado- nunha sangría constante desde hai décadas; ademais do sufrimento que supón para tantos destes curas. Non se trata de “liberalismo senón dunha realidade da sociedade”, dixo sensatamente o prelado alemán.

Os curas baixan, o estilo permanece


Lembraba tamén ter lido en La Voz de Galicia días antes unha reportaxe sobre o imparable descenso de curas en activo na igrexa galega, igual que no resto do mundo; un problema que se vai solucionando como se pode, pero con trampa: “Segrares e relixiosas colócanse tras do altar ante a falla de sacerdotes. A reestruturación da igrexa racionaliza servizos e delega en leigos as celebracións do domingo”, liamos en titulares. Na edición electrónica, acompañaba a reportaxe un vídeo no que, a pesar do título rechamante “Dúas mulleres dan misa en Carballo”, aparecía unha celebración da palabra e o reparto da comuñón, que resultaba ben tradicional.

Digo que son solucións con trampa, porque, se ben esta escaseza de curas podía ser unha beizón de Deus que obrigue á xerarquía a aceptar a meirande participación e responsabilidade dos leigos na vida da Igrexa, como dicía claramente hai anos Samuel Ruíz, o vello bispo de Chiapas, e recoñecían na reportaxe do periódico moitos curas, porén, non significa realmente un cambio na concepción clerical-autoritaria desta. Un cambio que empezaría por aceptar as bondades que suporían para a Igrexa o matrimonio dos curas, deste xeito menos “separados” e formando máis parte da comunidade cristiá, e tería que camiñar cara unha igrexa máis aberta, máis igualitaria e menos autoritaria.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: